05 outubro 2007

Fin dun romance

Non entendo por que tivo que rematar así, deste xeito tan absurdo. Cheguei a casa e busqueite por todas partes, pero non tardei moito en darme de conta de que decidiches rematar a nosa relación, decidiches acabar e nosa historia, que durou, canto? dous anos?.
Non, as cousas non se fan así. Marchaches sen dar unha explicación, desapareciches e non fago máis que preguntarme as razóns que te levaron a tomar esa decisión.
A verdade é que é duro chegar á cama e que ti non esteas para quentarme os pés ou non poder abrazarme a ti cando teño frío.
Resígnome, unha vez máis, a rematar unha relación. Pero gardo, non o esquezas, o teu tapón, alí, no estante do baño, onde o colocaba cada noite antes de irme contigo para a cama. O teu tapón, ese sen o cal non vales para moito.
Querida bolsa de auga: espero que sexas feliz no teu paradeiro descoñecido e que coa túa mantilla de cadros vermellos descubras unha vida diferente.

04 outubro 2007

Preparación

A concelleira de Medio Ambiente do meu concello é estupenda de la muerte. Unha muller que sabe o que fai, abofé, e que está moi interesada na materia que enche a súa carteira. Si, si, moi interesada. A ela preocúpalle "eso del medio ambiente: las ballenas, Gorilas en la Niebla...".
Pobriña, pregúntome como pode aplicar as súas inquedanzas no concello, debe sentirse tremendamente frustrada por non poder liberar a Willy no Sar e repoboar os bosques con primates.
Iso si que é preparación, señores, e non a de algúns mestres de EXB.