Onte foi a Festa da Música. Aquí ten bastante repercusión e á parte dos actos organizados por asociacións, institucións e demais, calquera que teña actitudes (nin sequera é imprescindible ter aptitudes) musicais pode montar o seu espectáculo en calquera punto da cidade.
Á tarde estiven nun parque que hai a uns 40 minutos da casa no que o Conservatorio Occitano celebraba os seus actos. Aquilo máis que unha festa da música semellaba a exaltación do Baby-boom: non vos podesdes imaxinar a cantidade de cativos que hai neste país.
Pola noite o público cambia, deixan de ser familias con carritos para convertirse en xunventude desmadrada. Para que vos fagades unha idea: collede a xente toda que anda por Compostela o día da Ascensión ou do Apóstolo, multiplicádea por 10 e enchede cada esquina cun grupo de música, un ordenador con altofalantes ou un trío de espontáneos cantando os grandes éxitos de Mocedades e teredes unha imaxe aproximada do que foi a noite. se queredes engadídelle un tío facendo un desnudo integral no alto dunha fonte.
E que quede claro que hoxe é día laborable. Imaxino olleiras e leghañas en moitas caras.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário